Que é?

MERCADO ENTRE LUSCO E FUSCO: POLO CONSUMO RESPONSÁBEL. O mercado consiste na organización dun mercado de serán de produtos locais, ecolóxicos e de comercio xusto en Santiago de Compostela. A idea naceu da necesidade de ofrecer unha alternativa real para as persoas que teñen horario de oficina, que estudan polas mañás ou que simplemente non poden acudir aos mercados locais composteláns nos seus horarios de negocio. O que se pretende é ofrecer un espazo onde poder mercar alimentos básicos, como produtos de horta, legumes e froitas, que sexan locais e de calidade a aquelas persoas que por diversas causas se vexan abocados aos supermercados ou ás grandes superficies. A potenciación da economía local desde o punto de vista do consumo é outro dos eixos fundamentais deste proxecto. De forma paralela, intégranse no mercado actividades de divulgación do consumo responsable (obradoiros, charlas etc.) e mesmo se realizarán mercados de troco e outras iniciativas semellantes que axuden a dinamizar e concienciar a un tempo.

COLABORACIÓN PRODUTORES/AS-CONSUMIDORES/AS. Podemos afirmar que este é un dos primeiros proxectos desenvolvidos entre consumidores/as e produtores/as onde se teñen en conta as necesidades e desexos de cada un dos colectivos implicados. O contacto directo entre produtor/a e consumidor/a, o estabelecemento de relacións onde a confianza mútua é importante, a ausencia de intermediarios que encarezan os produtos ou a recuperación da tradición dos mercados populares son só algúns dos atractivos que nos animaron á hora de lanzar esta iniciativa, pioneira na nosa cidade.

APOIO INSTITUCIONAL. É grazas ao interese mostrado desde o comezo polo Concello de Santiago de Compostela que podemos contar semanalmente, desde o día 22 de xuño do 2010, cun espazo para o mercado, accesíbel e ben comunicado con diferentes zonas da cidade.

DESENVOLVEMENTO DO MERCADO. O mercado ten carácter semanal, desenvólvese todos os martes de 17 a 21 horas no outono e inverno e de 17 a 22 horas na primavera e verán nas plataformas das casas abandonadas do parque de Belvís [mapa:http://tiny.cc/mercado_belvis]. O primeiro mercado foi o dia 22 de xuño do 2010. Cada tres meses o mercado convertirase nunha festa con actividades, música etc. co obxectivo de promover os produtos de temporada, é dicir, os específicos de cada estación.